349 Books
See allLino en galego, pero non está subida esa edición a Goodreads e non sei engadila. Foi un regalo de Reis e pode que nunca tivera chegado ata este libro doutra maneira. É unha guía de Compostela, unha cidade que nos interpela a moitos e da que cada un escolle con que versión quere quedar. En todas elas a pedra e a auga son elementos recorrentes. As ilustracións de Blanca Millán están moi ben e o texto serviume para aprender novas historias do que leva moitos anos a ser o escenario da miña vida, así que non teño queixa
Faime bastante mal ler sobre a perda e aínda así empéñome en facelo constantemente. Con este libro polo menos rin bastante, porque hai descargos cómicos no medio dun relato intensiño sobre ritos funerarios, relacións familiares e as dinámicas sociais que se derivan dun velorio. Creo que hai algo moi bonito en mirar con detalle todos os ritos que os seres humanos construíron ao longo da historia para darlle un sentido, un propósito ou unha explicación a algo tan inaprensible coma a morte. Fala das sociedades, das persoas e dos afectos. De estar vivos, vaia, e de ter xente arredor, que é do que consiste a vida.
Parafraseando a Castelao: “Se aínda somos galegos é por obra e graza dos enterros”
“Preferiría non ter que falar sobre esas noites, porque cando o conto podo ver, diante dos meus ollos, todo o que estou explicando. Ti agora estás aquí, escoitando, pero eu sigo alí, dentro da miña carne, e cando o conto revívoo todo. Por iso preferiría non falarche sobre esas noites. Pero preguntáchesme e eu conteicho. E cando cho contei, sentín todo de novo”.
Gústame que sendo un libro escrito a partir do relato duns feitos moi traumáticos o autor tivera o detalle de incluír as anotacións do propio narrador durante as entrevistas. Axuda a pór en contexto que é a historia dunhas persoas revivindo algúns dos peores momentos da súa vida e que, por precisa que sexa a descrición, nunca (por sorte) estaremos preto de experimentar en toda a súa intensidade o que lle ocorre aos seus protagonistas.
Destes relatos migratorios o que máis me asusta sempre que os leo é que todos coincidan en tantas cousas. As mafias, os cárceres, as torturas, a corrupción. Que algo tan bárbaro e inhumano estea tan á orde do día. Que sexa o habitual e que nin nos inmutemos.
En fin, confío en que viviremos para ver algún día un mundo algo mellor ca este
Dame a sensación de que se non partise dunha premisa tan extrema como da que parte non me tería gustado nadiña e teríame parecido máis ben cativeiro, pero só o feito de ter dado a luz algo tan perverso e retorcido (e que permite un xogo de espellos coa industria cárnica real) ten o seu mérito. Ademais, é unha novela na que as páxinas voan e sempre se agradece ter algo así no verán ou nas noites nas que o cerebro non dá máis de si
É a primeira vez que leo unha novela en catalán. Que leo algo máis extenso nese idioma ca unha noticia en prensa ou un post nunha rede social, en realidade. Sorprendido porque, malia que dou por feito que se me escaparon detalles dun libro cheo de simbolismo, conseguín meterme por completo na historia e nese xeito de narrar feito a modo de monólogo interno. Podo entender a consideración que ten de clásico moderno e de libro referencial en institutos. Desfruteino e levo marcadas a ferro certas pasaxes da novela. Un libro adiantado aos seus tempos