É a primeira vez que leo unha novela en catalán. Que leo algo máis extenso nese idioma ca unha noticia en prensa ou un post nunha rede social, en realidade. Sorprendido porque, malia que dou por feito que se me escaparon detalles dun libro cheo de simbolismo, conseguín meterme por completo na historia e nese xeito de narrar feito a modo de monólogo interno. Podo entender a consideración que ten de clásico moderno e de libro referencial en institutos. Desfruteino e levo marcadas a ferro certas pasaxes da novela. Un libro adiantado aos seus tempos
Dame a sensación de que se non partise dunha premisa tan extrema como da que parte non me tería gustado nadiña e teríame parecido máis ben cativeiro, pero só o feito de ter dado a luz algo tan perverso e retorcido (e que permite un xogo de espellos coa industria cárnica real) ten o seu mérito. Ademais, é unha novela na que as páxinas voan e sempre se agradece ter algo así no verán ou nas noites nas que o cerebro non dá máis de si
Lino en galego, pero non está subida esa edición a Goodreads e non sei engadila. Foi un regalo de Reis e pode que nunca tivera chegado ata este libro doutra maneira. É unha guía de Compostela, unha cidade que nos interpela a moitos e da que cada un escolle con que versión quere quedar. En todas elas a pedra e a auga son elementos recorrentes. As ilustracións de Blanca Millán están moi ben e o texto serviume para aprender novas historias do que leva moitos anos a ser o escenario da miña vida, así que non teño queixa
“Preferiría non ter que falar sobre esas noites, porque cando o conto podo ver, diante dos meus ollos, todo o que estou explicando. Ti agora estás aquí, escoitando, pero eu sigo alí, dentro da miña carne, e cando o conto revívoo todo. Por iso preferiría non falarche sobre esas noites. Pero preguntáchesme e eu conteicho. E cando cho contei, sentín todo de novo”.
Gústame que sendo un libro escrito a partir do relato duns feitos moi traumáticos o autor tivera o detalle de incluír as anotacións do propio narrador durante as entrevistas. Axuda a pór en contexto que é a historia dunhas persoas revivindo algúns dos peores momentos da súa vida e que, por precisa que sexa a descrición, nunca (por sorte) estaremos preto de experimentar en toda a súa intensidade o que lle ocorre aos seus protagonistas.
Destes relatos migratorios o que máis me asusta sempre que os leo é que todos coincidan en tantas cousas. As mafias, os cárceres, as torturas, a corrupción. Que algo tan bárbaro e inhumano estea tan á orde do día. Que sexa o habitual e que nin nos inmutemos.
En fin, confío en que viviremos para ver algún día un mundo algo mellor ca este
Faime bastante mal ler sobre a perda e aínda así empéñome en facelo constantemente. Con este libro polo menos rin bastante, porque hai descargos cómicos no medio dun relato intensiño sobre ritos funerarios, relacións familiares e as dinámicas sociais que se derivan dun velorio. Creo que hai algo moi bonito en mirar con detalle todos os ritos que os seres humanos construíron ao longo da historia para darlle un sentido, un propósito ou unha explicación a algo tan inaprensible coma a morte. Fala das sociedades, das persoas e dos afectos. De estar vivos, vaia, e de ter xente arredor, que é do que consiste a vida.
Parafraseando a Castelao: “Se aínda somos galegos é por obra e graza dos enterros”
Pf. Escribín e borrei xa unha chea de textos para esta reseña porque sinto que teño moitas cousas que dicir, mais non capacidade para desenvolvelas de forma adecuada. Penso que podería falar durante horas, durante días, só deste libro. Dos temas que explora directamente e dos que están aí latentes. É un ensaio, unha biografía coral, unha crónica, un diario. Persoal e universal. Humano e analítico. Gustoume moitísimo pola forma e polo fondo. Fíxome rir, pensar, viaxar e tamén me deixou co peito encollido.
Que bonito é o concepto de liberdade, que difícil é de acadar e de precisar e cantas barbaridades se levan feito a conta de deturpalo. E as que se farán. Por “Libre” pasa unha boa colección delas, pero do que máis me estremece é ver que trinta anos despois seguimos cas mesmas falacias da economía de mercado, do “proxecto europeo” ou do neoliberalismo causando sufrimento en todas partes.
Ten que haber un mundo diferente, con sorte mellor, aínda que estea por inventar
Teño sensacións encontradas con este libro. Hai moita sensibilidade para falar de cousas moi duras (relacións abusivas, o recoñecemento da homosexualidade, maltrato, pobreza, os horrores da guerra, drogas, estrés postraumático) e hai pasaxes verdadeiramente bonitas e emocionantes no medio desa devastación. Pero, sobre todo no último capítulo, fáiseme innecesariamente densa e rococó a forma de escribir ata o punto de pasarlle factura ao relato dos feitos.
Pode que o problema sexa meu, que tendo a torcer o morro diante de prosas así de líricas, pero, con todo, gustoume bastante. Iso si, non é un libro para refuxiarse nun mal día nin para atopar alegrías
Sempre a favor das lecturas que se experimentan con máis sentidos ca a vista. A fala de Panza de Burro baila nos oídos ao mesmo tempo no que o xeito no que escribe Andrea deixa na pel, na boca e no nariz roces, sabores e cheiros marcados e indelebles. Rebosa vida por todas partes.
Chego moi tarde como para dicir deste libro nada que non se saiba xa, pero entendo que en só uns anos se fixera tan referencial e se cite mil e unha veces por parte doutros autores

Non fago habitualmente comentarios por aquí porque o normal é que sinta que non teño gran cousa que engadir. Tampouco penso que o que poida dicir vaia aportar nada imprescindible, pero necesito compartir que poucas veces, pode que ningunha, me sentira tan conectado a un libro coma con este.
É unha experiencia moi concreta -aínda que teza conexións universais- a de medrar nunha aldea galega, estudar na cidade e, chegado certo momento vital, existir entre os dous mundos sen pertencer a ningún deles. Porque ningún nos é realmente propio.
Quedei parvo ca sensibilidade e ca precisión ca que, nunha lectura que se fai en menos dunha hora, queda captado todo ese sentir. Dende que marchei funme reconciliando e botando cada vez máis en falta a casa familiar. Pero cada día que a piso sinto que me é menos propia, dóeme estar porque nin o espazo é o mesmo nin sei comunicarme en plenitude con quen está aí.
Pregunto polos animais, polas plantas e polas árbores. Intento axudar nos mil traballos que hai que facer, pero nin se me dan ben nin se me permite formar parte diso. Porque non quixeron que fora para min. Tiñamos que estudar e ser outra cousa. E tampouco sei ser outra cousa.
Con cada ano que pasa sinto que marcha cada vez máis lonxe ese coñecemento de historias que nunca vou oír, experiencias que non vou ter e afectos que non vou poder devolver. Como non sei remedalo teño que limitarme a improvisar e seguir tirando para diante porque o tempo avanza só e non fai forma de frealo. Pero o sentimento de perda segue a medrar.
Non sei, igual este diario de dúas casas é o punto de inflexión que precisaba para darme conta de que teño que abordar estes temas do ser e do pertencer. Pero poucas frases nas que me vira tan representado coma nese peche de capítulo con: “Son un non sei permanente e infinito”
Un dez de dez
É máis unha ollada á vida persoal de Kim que á súa traxectoria artística. Penso que, tal e como a descrición da súa infancia e vida anterior a Sonic Youth, é extensa, interesante e detallada; a narración posterior é un chisco superficial e non tan atractiva, máis alá de varias anécdotas sobre os discos e as cancións. Paga a pena, en calquera caso